Xornada de Pacto dos Alcaldes na Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas – Terras do Mandeo

martes, 19 Novembro, 2019 - 20:00

Os Concellos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas – Terras do Mandeo súmanse ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía.  Cambre, 19 de novembro de 2019. A Casa da Cultura do Concello de Cambre acolleu este martes 19 de novembro unha xornada de presentación e seguimento da Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, organizada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O motivo da celebración deste evento foi o de proporcionar ao persoal técnico e político dos concellos integrados na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas - Terras do Mandeo , información de interese sobre que é o Pacto dos Alcaldes, os obxectivos a acadar e os compromisos que asume cada concello coa súa adhesión. Tamén se presentaron os avances da Oficina Técnica de Pacto dos Alcaldes, instrumento financiado polo FEDER e coordinado dende a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, para asesorar aos Concellos na súa adhesión e na elaboración do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible- PACES.

A quenda de intervencións comezou coa benvida por parte do Alcalde do Concello de Cambre, D. Oscar García Patiño, aos representantes da práctica totalidade dos concellos integrados nesta figura territorial promovida pola UNESCO. A continuación, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Dna. María Cruz Ferreira Costa, incidiu na necesidade de tecer alianzas, un dos ODS da Axenda 2030 da ONU, para acadar os obxectivos de loita contra o cambio climático. Destacou, ao mesmo tempo, o compromiso da Xunta de Galicia cos concellos galegos e explicou as tarefas coas que a Xunta de Galicia, a través da Oficina Técnica do Pacto, presta apoio e asesoramento aos concellos adheridos ao Pacto dos Alcaldes.

A continuación foi a quenda de D. Jorge Blanco Ballón, Xerente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, presentado polo presidente da entidade, José Antonio Santiso. Nas súas explicacións, centrouse nos froitos que produce a creación de redes de cooperación entre entidades públicas, privadas e sociais na conciliación dos valores ambientais e os intereses económicos deste territorio.

Por último, o Primeiro Tenente de Alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Saúde e Promoción Industrial do Concello de Curtis, D. Antonio Ángel Fraga Sánchez, introduciu exemplos de como implicar á cidadanía nos compromisos do Pacto de Alcaldes.

A vindeira Xornada de Presentación e Seguimento do proxecto Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía terá lugar en Sober (26 de novembro). Pódese atopar máis información en https://pactodosalcaldes.gal.