Declaración da OMM sobre o estado do clima mundial en 2019

martes, 30 Xuño, 2020 - 00:00

A Oficina Técnica da Xunta para o Pacto das Alcaldías comparte o informe da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) sobre o estado do clima mundial en 2019.

No mesmo, publicado pola propia OMM e unha ampla rede de asociados, faise fincapé nos sinais físicos que nos alertan do cambio climático, como o aumento do contido calorífico dos océanos e da terra, a aceleración da subida do nivel do mar e a fusión dos xeos. No documento póñense de manifesto os impactos dos fenómenos meteorolóxicos e climáticos no desenvolvemento socioeconómico, a saúde das persoas, as migracións e desprazamentos, a seguridade alimentaria e os ecosistemas terrestres e mariños.

A Declaración da OMM sobre o estado do clima mundial en 2019 confirma que o ano pasado foi o segundo máis cálido do que se teñen datos desde que se realizan medicións instrumentais. O quinquenio 2015-2019 comprende os cinco anos máis cálidos dos que se ten constancia, e o período de 2010 a 2019 foi o decenio máis cálido xamais rexistrado. A partir dos anos oitenta, cada novo decenio foi máis cálido que todos os anteriores desde 1850.

Pódese acceder ao informe completo en castelán na seguinte ligazón: https://library.wmo.int/doc_num.php?explnum_id=10215

@GaliciaSostible #Compromiso