A Comisión Europea substitúe o nome da iniciativa “Pacto dos Alcaldes” por “Pacto das Alcaldías”

venres, 5 Xuño, 2020 - 00:00

A Xunta de Galicia substitúe a imaxe do Pacto dos Alcaldes pola do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, seguindo a iniciativa aprobada pola Comisión Europea. Este cambio foi aprobado en atención ás propostas de utilización da linguaxe inclusiva presentadas no último Encontro Nacional de Pacto dos Alcaldes celebrado o 17 de outubro en Málaga. ​

A nova imaxe de Pacto das Alcaldías será empregada a partir de agora nas comunicacións da Oficina Técnica da Xunta, logo de que a Oficina de Pacto das Alcaldías de Europa, a Comisión Europea e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia se sumaran a esta iniciativa pola igualdade de xénero.

O Pacto das Alcaldías en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, é a coordinadora do Pacto das Alcaldías da Unión Europea para o Clima e a Enerxía en Galicia, quen ven traballando cos Concellos galegos promovendo e apoiando a súa adhesión e a consecución dos seus compromisos.

Na actualidade a Comunidade do Pacto en Galicia está formada por 200 Concellos galegos, que se comprometen a reducir as emisións de CO2 no seu territorio para o ano 2030 en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, así como na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este nos seus territorios.

@GaliciaSostible #Compromiso